A Casa Branca considera que Huawei é unha ameaza para a seguridade nacional

xoves, 16 de maio do 2019 Marcus Fernández

Huawei, compañía líder global en 5G, presentou os seus avances na nova xeración de telefonía móbil no Mobile World Congress de Barcelona

A guerra da administración Trump contra as compañías tecnolóxicas chinesas vén de recruarse coa proclamación dunha orde executiva do presidente ao considerar o asunto unha emerxencia nacional, de xeito impón restricións á cadea de subministros de servizos e tecnoloxías de comunicación.
Dende a Presidencia consideran inaceptable o risco que supón empregar tecnoloxía de «adversarios estranxeiros» para infraestruturas críticas, de xeito que as axencias gobernamentais terán que tomar medidas para que sexa efectivo o veto a compañías chinesas de telecomunicacións como Huawei e unhas 70 compañías afiliadas.
As medidas contra as empresas tecnolóxicas chinesas adóptanse sen existir ningunha evidencia coñecida que leve a desconfiar das mesmas e, de feito, os distintos estados europeos confirmaron nas últimas semanas que non terán problemas para empregar tecnoloxía de Huawei para as súas redes 5G, por considerar inxustificadas as reticencias que expoñen dende EE.UU. e que parecen responder máis a unha guerra comercial (que actualmente tamén se está a trasladar ao ámbito dos aranceis).
Dende Huawei negan as acusacións que se realizan contra eles, e declaran que «restrinxir os negocios de Huawei nos EE.UU. non fai que EE.UU. sexa máis forte ou seguro, só serve para forzar aos EE.UU. a alternativas inferiores e máis caras, que retrasarán o desenvolvemento do 5G nos EE.UU.».

PUBLICIDADE