A Canon G12 incorpora gravación de vídeo a 720p

martes, 14 de setembro do 2010 Marcus Fernández

As cámaras fotográficas dixitais están a incorporar paulatinamente a gravación de vídeo de alta definición para non quedar desfasadas, e así a serie G de Canon renóvase coa Canon G12, cámara compacta avanzada cun sensor CCd de 10 Mpíxeles, ISO de ata 3.200, obxectivo grande angular de 28 milímetros con zoom 5x, pantalla LCD abatible de 2,8 polgadas, saída HDMI e, coma principal novidade, gravación de vídeo a 1.280 x 720 píxeles a 24 imaxes por segundo en formato .MOV con compresión de vídeo H.264 e audio PCM lineal ata un tamaño de arquivo de 4 Gb (o que permite preto de media hora de vídeo en alta definición).
A Canon G12 tamén incorpora un dial frontal para modificar valores, controis manuais, toma de imaxes en formato RAW, modo HDR, modo automático intelixente e fotografías multiformato (incluíndo proporcións 4:3, 16:9, 3:2, 1:1 e 4:5. O seu prezo nos EE.UU. será de 499 dólares a primeiros de outubro, polo que é de agardar que en España estea dispoñible por uns 500 euros en poucas semanas.

PUBLICIDADE