A Cámara e o Concello de Santiago colaboran en emprendemento e transformación tecnolóxica
martes, 20 de maio do 2025
A Cámara de Comercio de Santiago e o Concello de Santiago, a través da Concellaría de Promoción Económica, colaboran un ano máis na posta en marcha de diferentes actividades de información e formación para fomentar o espírito emprendedor e mellorar a competitividade das empresas de Compostela. Ese é o obxectivo do convenio presentado este martes 20 de maio pola tenenta de alcaldesa, María Rozas, e a presidenta da Cámara de Comercio, María Pais. O Concello destina a este programa un orzamento de 75.000 euros.
O convenio entre a concellaría de Promoción Económica e a Cámara de Comercio está aliñado cos obxectivos da Axenda Urbana 2030 e forma parte das accións do Programa Municipal Feito en Santiago, que promove un modelo de desenvolvemento económico local baseado na identidade territorial, a sustentabilidade e a innovación.
O convenio prevé o desenvolvemento de diferentes actividades, con tres obxectivos fundamentais: fomentar a cultura e as capacidades emprendedoras, apoiar a creación de empresas, e contribuír á consolidación empresarial.
Partindo desas liñas estratéxicas, establécense cinco eixos de acción:
· Fomento da cultura emprendedora: desenvolveranse xornadas nos centros educativos para fomentar a cultura emprendedora desde idades temperás e divulgar que o autoemprego pode ser unha alternativa viable. Tamén haberá accións no Viveiro de Empresas da Cámara de Comercio, para que a poboación nova poida coñecer de primeira man diferentes experiencias reais de emprendemento. Prevese que máis de cen alumnos e alumnas participen nestas actividades.
· Formación das capacidades emprendedoras: serán programas formativos orientados a impulsar o emprendemento como saída profesional entre persoas desempregadas ou que procuren unha mellora profesional, con especial atención a colectivos vulnerables (mulleres, xente moza, desempregadas maiores de 45 anos...) Ao longo do ano haberá 12 accións formativas, que abranguen dende tarefas administrativas ata o uso da Intelixencia Artificial ou redes sociais, están adaptados a sectores con potencial e necesidades detectadas, co fin de potenciar a creación e consolidación de empresas viables e innovadoras.
· Programa Emprendedoras: trátase dunha liña de apoio ao emprendemento e á actividade empresarial das mulleres, que contempla o asesoramento por parte da Cámara de Comercio en todas as fases do desenvolvemento dun proxecto empresarial, desde o estudo de viabilidade ata a procura de financiamento. Ademais da atención presencial e personalizada, nesta acción inclúese o portal
Empresarias.camara.es desde onde se responde ás consultas nun tempo inferior a 48 horas. Prevese que ao longo de 2025 máis de 200 mulleres se beneficien deste servizo, que ten como obxectivo facilitar a igualdade de oportunidades e incrementar o número de empresas lideradas por mulleres.
· Coworking Dixital Compostela: céntrase na transformación dixital de emprendedores, autónomos e pemes para mellorar a súa competitividade empresarial. Deste servizo beneficiaránse máis de 150 emprendedores e empresas neste ano.
· Área de internacionalización: é un servizo de asesoramento para empresas que desexen medrar e internacionalizarse, en cuestións como a documentación necesaria, aranceis, fiscalidade, transporte internacional, feiras comerciais, ou axudas institucionais para a promoción e investimento no exterior. Nesta anualidade está previsto que case 650 empresas demanden os servizos da Camara nesta área.
A presidenta da Cámara aproveitou a presentación do convenio para dar conta dos resultados do acordo en 2024. Tal e como explicou María Pais, as xornadas de fomento do espírito emprendedor chegaron a 134 alumnos e alumnas; impartíronse 6 cursos de mellora das capacidade emprendedoras nos que participaron máis de 50 persoas, e 200 mulleres emprendedoras e empresarias requiriron o asesoramento da Cámara. Delas, déronse de alta preto de 50 novas empresas.
Os servizos de formación e asesoramento nos procesos de transformación dixital chegaron a 137 emprendedores e emprendedoras, atendéronse case 1.000 consultas na área de internacionalización, e preto de 200 persoas obtiveron apoio e asesoramento na procura de financiamento para as súas empresas.