A Cámara e o Concello de Santiago clausuran a súa formación conxunta en redes sociais
luns, 25 de novembro do 2019
Este
luns 25 celebrouse en Santiago, na sede da Cámara de Comercio, o
acto de clausura do programa formativo sobre redes sociais,
mercadotecnia dixital e emprendemento que organizaron a Fundación
INCYDE e a entidade compostelá (coa colaboración do Concello)
na sede desta última no Polígono de Costa Vella. A cita, na que
tamén se entregaron os diplomas ás e aos participantes, participou
o alcalde compostelá, Xosé Sánchez Bugallo, quen salientou a
colaboración coa Cámara e puxo en valor o labor formativo conxunto
en materia de tecnoloxías: “Vivimos nun tempo no que calquera
desenvolvemento económico e calquera acción de futuro están
ligados ao emprendemento e á innovación”. A xuntanza tamén
serviu para lanzar unha nova proclama contra a violencia de xénero,
con motivo do 25N.
Durante
o acto de clausura, no que tamén estaban presentes María Torres,
directora de Desenvolvemento de Programas da Fundación INCYDE; e
Rosa Mary Cardeso Trillo, secretaria xeral da Cámara de Comercio de
Santiago, presentáronse dous dos proxectos empresariais deseñados
polo alumnado. O primeiro, Biopraedium, impulsado por Carmen
Martínez, é unha empresa especializada na fabricación de kits
ecolóxicos para o cultivo e complementos de horticultura. O segundo,
Cielo Azul, é un campamento sustentábel para peregrinos do Camiño
de Santiago, desenvolvido por Manuel Pereiro e Fabiola Álvarez. O
alcalde felicitounos e animou a todos os participantes a seguir
adiante cos seus proxectos.
O
programa, no que participaron unha vintena de alumnos e alumnas,
estruturouse en tres partes: sesións de formación conxunta,
acompañamento e consultoría individualizada e mentoring e
seguimento. Grazas ás sesións, o alumnado xa conta coas ferramentas
suficientes para definir a súa propia estratexia de comunicación
nas redes sociais, o plan de marketing dixital e a execución
de accións para mellorar a reputación e o a visualización dos seus
produtos e/ou servizos en Internet.