A Cámara de Santiago e a Xunta impulsan formación para acelerar a transformación das empresas culturais

martes, 23 de febreiro do 2021 Pedro Pérez

A Cámara de Comercio de Santiago en colaboración coa Xunta iniciará un programa de formación e asesoramento do que se beneficiarán as empresa e profesionais culturais. A finalidade da iniciativa é a de mellorar a competitividade do sector mediante diferentes accións formativas.
O acordo recolle unha serie de actividades formativas, que tocarán temas como a internacionalización, capital risco, xestión empresarial e transformación dixital, ou novas vías de negocio como a creación de videoxogos. Esta colaboración dá continuidade ao proxecto do ano pasado no marco do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19.
As accións formativas arrancarán en abril e maio con dous programas intensivos, centrados en transformación dixital e xestión de empresas culturais e en desenvolvemento de videoxogos. Outras cincos xornadas formativas realizaranse ao longo do ano, que permitirán dar a coñecer os programas europeos de apoio ao sector cultural, como FOEXGA, ou á implantación de novas tecnoloxías, TICCámaras. Cada curso terá un máximo de 25 mozos e mozas menores de 30 anos, que recibirán asesoramento personalizado sobre o seu proxecto.
Os detalles do programa foron presentados hoxe polo Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, José Carballo. Román Rodríguez quixo destacar a importancia de “ofrecer un asesoramento profesional para que a ninguén lle falte información para optimizar todas as posibilidades de axuda que se están a pór en marcha este ano tan complicado para o sector.
Todas as persoas interesadas poden acceder ao servizo de asesoramento telemático a través da web da Cidade da Cultura ou o enderezo electrónico asesoramentocultural@cidadedacultura.org. Tamén se poderá acudir ao Museo Centro Gaiás (xoves e venres de 10 a 14 horas), que continuará acollendo o servizo de asesoramento en temas de financiamento, plan de negocio, novos mercados e axudas no marco da COVID-19.

PUBLICIDADE