A Cámara de Santiago achegou formación tecnolóxica a máis de 200 persoas
martes, 3 de decembro do 2024
A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela acolleu na mañá deste 3 de novembro a clausura do plan formativo para o sector comercial galego, posto en marcha en colaboración coa Consellería de Emprego, Comercio de Emigración da Xunta de Galicia. Este programa, deseñado para impulsar a profesionalización e a competitividade do sector, culminou coa entrega de diplomas aos participantes que completaron satisfactoriamente o seu itinerario formativo.
O plan formativo, que se desenvolveu na modalidade de teleformación, estivo sustentado en 15 accións formativas de entre 20 e 100 horas, para un total de case 900 horas lectivas, e formou, en 5 piares estratéxicos (transformación dixital, estratexia comercial, xestión comercial, sustentabilidade e punto e venda), a máis de 200 persoas vencelladas ao sector comercial galego.
A cerimonia de entrega de diplomas estivo presidida por Jorge Lorenzo, vicepresidente da Cámara de Comercio, e Gabriel Alén, director xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia.
O plan, que se desenvolveu ao longo de varios meses, proporcionou aos participantes coñecementos avanzados en áreas clave como competencias dixitais, atención ao cliente, idiomas e xestión de vendas e estratexias de mercadotecnias, entre outros contidos innovadores. Ademais, incluíu casos prácticos e sesións individuais de titorado que permitiron ás persoas asistentes aplicar o aprendido en situacións reais, preparándoas para afrontar os retos do mercado actual con maiores garantías de éxito.
Durante a cerimonia, púidose escoitar o testemuño dalgúns participantes que destacaron o valor do programa. Carmen García, unha das graduadas, destacou na súa intervención “a bondade do programa formativo na mellora de coñecementos técnicos” que pensa poñer en práctica para mellorar a xestión do seu negocio e ofrecer un mellor servizo aos seus clientes, recalcando tamén a necesidade de combinar a teleformación con algunha experiencia presencial que axude a compartir inquietudes e xerar sinerxías.