A Cámara de Comercio da Coruña estrea a súa Aula Virtual con dez cursos para a mocidade

luns, 6 de xullo do 2020 S. P.

A Cámara de Comercio da Coruña vén de lanzar unha iniciativa para encher de formación online o panorama galego do emprendemento xuvenil, máis polo miúdo ás mozas e mozos innovadoras/es de idades comprendidas entre os 16 e os 29 anos. Estamos a falar da Aula Virtual da entidade cameral coruñesa, que arrinca cun catálogo inicial de 10 cursos subvencionados ao 100% polo Fondo Social Europeo e a Cámara, enmarcados no Programa PICE, que tamén ofrece axudas á contratación.
Trátase dun modelo de formación dirixido a mozas e mozos que está deseñado para mellorar os seus coñecementos a través de aprendizaxes prácticas que lles axuden a impulsar a súa empregabilidade e, polo tanto, as “súas posibilidades de acceso a un mercado laboral cada vez máis esixente”, informou a Cámara, engadindo que o catálogo estréase cunha achega de 10 cursos, aos que se engadirán, mensualmente, novas incorporacións de accións formativas. Estas novas incorporacións estableceranse conforme as peticións dos destinatarios dos cursos.
As principais temáticas sobre as que se desenvolverán cursos son: Administración e Xestión; Competencias Dixitais; Hostalaría e Sector Servizos; Idiomas; Informática e Telecomunicacións; Seguridade e Medio e Electricidade e Electrónica, entre outras.
Polo que respecta ao Programa PICE, céntrase en ofrecer axudas á contratación e a creación de empresas. Está deseñado para atender as necesidades das empresas, principalmente, no momento de contratar empregadas e empregados cunha formación, capacitación e cualificación profesional acorde co posto a cubrir. As empresas que opten a contratar a estes mozos pódense beneficiar dunha axuda directa de 4.950 euros por cada contrato formalizado a tempo completo, indefinido ou temporal, cunha duración mínima de seis meses.
No caso dos emprendedores, pódense acoller a unha axuda de 600 euros por creación de empresa, co requisito de manter o alta e a actividade un mínimo de 12 meses.

PUBLICIDADE