A Cámara da Coruña e a Xunta formarán á mocidade no impulso de proxectos de negocio innovadores

martes, 28 de marzo do 2023 S. P.

Na mañá deste martes 28 de marzo presentouse a segunda edición de EduInspira, un programa enmarcado no Plan de Emprendemento no Sistema Educativo EduEmprende que, desenvolvido pola Xunta de Galicia en colaboración coa Cámara de Comercio da Coruña, ten como obxectivo “mostrar ao alumnado as vantaxes do emprendemento” e “concienciar á comunidade educativa sobre as posibilidades que ofrecen as distintas familias profesionais para a materialización de proxectos viábeis e para a creación de ideas innovadoras de negocio”.
No acto inaugural, que se celebrou no CIFP Someso, o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, destacou a aposta da Xunta pola converxencia entre a FP e a realidade laboral, incluíndo das persoas emprendedoras. "A través do Plan de Emprendemento do Sistema Educativo, EduEmprende, no que se enmarca este programa, dotamos aos centros de ferramentas para impulsar nos estudantes a cultura emprendedora, así como de facilidades para iniciar un proxecto de negocio", declarou.
Pola súa banda, o presidente da Cámara da Coruña, Antonio Couceiro, ofreceu aos estudantes a axuda que a entidade ofrece a través do seu departamento de apoio ao emprendemento, “cos programas específicos como o PAEM (Programa de Apoio Empresarial ás Mulleres) ou o Programa España Emprende, que, de maneira gratuíta, permítenos prestar aos emprendedores e emprendedoras un servizo completo de acompañamento, asesoramento e información no proceso de constitución e posta en marcha dun proxecto empresarial”, dixo, poñendo o foco nos acordos de colaboración con entidades financeiras para canalizar microcréditos cara aos proxectos de mercado en “condicións preferentes”, ao que se suma o PAE (Punto de Atención ao Emprendedor ) para a creación de empresas de maneira telemática”
Tino Fernández, presidente e co-fundador da empresa tecnolóxica Altia, con sede en Oleiros (A Coruña), falou ao alumnado sobre o valor actualizarse e adaptarse ao cambio para saber aproveitar as oportunidades.
O programa desenvólvese en 21 centros educativos nos que o alumnado, a través de obradoiros, xogos e dinámicas grupais aprenderá sobre emprendemento e adquirirá habilidades emprendedoras. En cada xornada, ademais, representantes de empresas de diversos sectores exporán as súas experienciasaos alumnos participantes.
Os centros participantes son:
• A Coruña: IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, IES Agra do Orzán, IES Ramón Menéndez Pidal, IES Urbano Lugrís, IES Fernando Wirtz Suárez, CIFP Ánxel Casal - Monte Alto, CIFP Someso, IES A Sardiñeira, CIFP Imaxe e Son e CIFP Paseo das Pontes.
• Arteixo: IES de Sabón.
• Betanzos: IES As Mariñas.
• Cee: IES Fernando Blanco.
• Curtis: IES de Curtis.
• Fene: IES de Fene.
• Ferrol: CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro, CIFP Leixa.
• Ordes: IES Ordes.
• Pontedeume: CIFP Fragas do Eume.
• Ponteceso: IES Eduardo Pondal.

PUBLICIDADE