A CRTVG prepara un paquete de medidas para a recuperación do sector audiovisual

mércores, 8 de abril do 2020 Marcus Fernández

O estado de alarma provocado pola pandemia está a afectar moi seriamente ao sector audiovisual, que veu paralizadas as súas producións de ficción e dos espazos de lecer por mor das medidas de seguridade esixidas para frear o avance da COVID-19, e para contribuír a paliar a situación a CRTVG vén de anunciar un paquete de medidas de apoio.
Deste xeito a CRTVG desenvolverá distintas iniciativas para contribuír ao mantemento do tecido produtivo do audiovisual galego, como manter o groso da programación de proximidade dos diferentes medios públicos galegos (dos que dependen centos de contratos laborais); contratar novos produtos audiovisuais adaptados ás novas necesidades xurdidas na sociedade galega durante o estado de alarma (contidos educativos, experiencias innovadoras...); reducir os prazos de pagamento polos produtos e servizo; pactar unha moratoria dos prazos de entrega das producións interrompidas pola situación de emerxencia; anticipar a toma de decisións para a selección de proxectos participados pola CRTVG coa finalidade de contribuír a apoiar a produción audiovisual galega; incrementar o investimento en documentais en galego (de xeito que adquiriranse producións nas que a CRTVG non participara inicialmente); contratar un documental relacionado co momento actual; activar un procedemento para a selección de proxectos destinados á adaptación a televisión dunha produción teatral galega; reactivar a produción musical galega para televisión e radio segundo o vaia permitindo a regulación sanitaria; establecer un ciclo de concertos de música vía web; reactivar a dobraxe; axudar ao sector audiovisual para a súa participación en certames internacionais; e procurar alianzas ou colaboracións con iniciativas audiovisuais existentes que a CRTVG podería incorporar á súa oferta tanto televisiva como en redes.

PUBLICIDADE