A CRTVG investirá en 100 proxectos audiovisuais para as novas canles dixitais
mércores, 31 de outubro do 2018
Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da Corporación de
Radio e Televisión de Galicia, presentou hoxe ante a
Comisión de Control da CRTVG do Parlamento galego a estratexia dos medios
públicos para os vindeiros anos. Esa estratexia vén marcada por sete
grandes retos que condicionarán o sector audiovisual europeo e por un plan de
dinamización do sector en Galicia. Ademais, remarcou o rotundo compromiso da
CRTVG coa dixitalización e a innovación como vías de desenvolvemento e sustentabilidade
ante os cambios normativos e os modelos de consumo e de contidos que impoñen xa
as novas plataformas de comunicación global que imperan no mercado, os
coñecidos como GAFAN (Google, Amazon, Facebook, Apple e Netflix).
Nunha comparecencia a petición propia, Sánchez Izquierdo
sinalou que unha vez acometida a dixitalización dos seus sistemas de produción,
a CRTVG afronta unha etapa marcada polos novos retos tecnolóxicos, económicos e
de consumo, e pola entrada en vigor antes do remate deste ano da revisión da
Directiva europea de Servizos de Medios Audiovisuais de 2010, que obrigará a
mudar a lexislación española e galega ao respecto.
Sánchez Izquierdo sostivo que «a radiotelevisión
pública segue sendo necesaria na sociedade de Internet e é preciso seguir
mantendo canles para o debate e a riqueza da pluralidade e diversidade
cultural, lingüística, social e democrática das sociedades europeas», pero
alertou dos retos da sociedade de Internet, «que esixen máis e mellores
servizos nun momento en que os recursos económicos son inferiores, entre outras
razóns porque a publicidade está migrando para as redes e plataformas de
Internet, nas que resulta indispensable posicionarse». Por esa razón, as
radiotelevisións públicas europeas precisan «consolidar modelos e marcos
de financiamento sostibles, estables e plurianuais para poder enfrontarse aos
novos retos de planificación da transformación tecnolóxica e á innovación que
requiren as novas formas de consumo audiovisual».
Respecto do sector audiovisual galego, o director xeral
salientou que a produción de ficción promovida pola CRTVG desde hai 20 anos «creou
escola e axudou a impulsar a imaxe de marca de Galicia, destacando que “no 2008
o 58% da programación que se emitía na TVG estaba feita en Galicia e no 2017 o
97% do que se emitiu na TVG está feito en Galicia», o que expresa o peso real
da aposta da CRTVG na última década.
Investimento no talento galego con 100 proxectos para as canles dixitais
Neste senso, Sánchez Izquierdo anunciou que a
CRTVG investirá na produción de novos formatos cun plan de 100 proxectos de contidos
audiovisuais para as novas canles de radio e televisión para difundir a través
de Internet, dirixido a creadores novos, sen restar capacidade de produción
e emisión nas canles tradicionais. Os obxectivos do plan son promover o talento
creativo en Galicia; incrementar a produción de contidos para esas novas canles
en Internet; e acadar que eses novos creadores se formen para dar o salto fóra
de Galicia. Izquierdo puntualizou que «o plan desenvolverase ao mesmo
tempo que se renovan os contidos tradicionais da radio e a televisión que se
difunden para Galicia e para as comunidades de galegos que viven noutras partes
de Europa e América, vencellados de forma destacable coa nosa terra a través da
CRTVG».
Sinalou que, unha vez acometida a dixitalización dos seus
sistemas de produción, a CRTVG afronta unha etapa marcada polos novos retos
tecnolóxicos, económicos e de consumo, e pola entrada en vigor antes do remate
deste ano da revisión da Directiva europea de Servizos de Medios Audiovisuais
de 2010, que obrigará a mudar a lexislación española e galega ao respecto.
Neste eido, xorden proxectos coma este, «se hai anos a renovación da televisión
de Galicia xirou arredor da creación propia de series de ficción na nosa lingua
e a partir do noso singular imaxinario, agora o reto é -sen abandonar as liñas
e as tendencias dos programas consolidados- crear contidos para as redes e
plataformas dixitais, para a chamada televisión na nube, para achegarse a novos
públicos locais e globais que non consumen radio e televisión convencional
porque xa teñen outros costumes e formas de acceso á comunicación».
Sete grandes retos para os vindeiros anos
O plan de actuación aprobado para os próximos dous anos
traza os retos para manter un sector audiovisual propio, independente e
internacionalizado en Galicia, xa que como sinalou o director xeral «o que
non podemos asumir nunca é a desaparición dos medios de comunicación públicos
porque deben seguir sendo os garantes máximos da atención a todos os estratos
dunha sociedade coma a nosa e porque son os únicos que poden salvagardar a
presenza da cultura, da lingua, da información de proximidade».
1- O primeiro reto son os novos patróns de consumo da cidadanía, que
accede aos contidos das novas plataformas desde calquera dispositivo, desde
calquera lugar e desde calquera momento. Isto obrigará aos poderes públicos a
xestionar do xeito máis eficiente posible a participación de modelos públicos
de comunicación en plataformas xa existentes ou de iniciativas diferentes ás
públicas.
2- O segundo reto son as novas competencias profesionais que marcan
as novas titulacións universitarias e de formación profesional, e ás que as
empresas audiovisuais teñen que adaptarse, xa que «eses profesionais que
agora se forman esixen o noso compromiso para crear empresas modernas e
innovadoras». Por iso, puntualizou «é a nosa responsabilidade como
directivos, promover os cambios empresariais necesarios para que os
traballadores poidan facer o seu traballo nun contexto dixital, dinámico e
adaptado ás necesidades da audiencia, como por exemplo a produción informativa
e de entretemento con ferramentas de uso cotián como o teléfono móbil e de
utilizar a mellor tecnoloxía para chegar antes e contar mellor as historias que
un galego e unha galega deban coñecer para estaren ben informados».
3- O terceiro reto é a sustentabilidade económica. Nunha situación de
redución de financiamento público, e nun contexto no que a publicidade está a
posicionarse máis nas plataformas dixitais, Sánchez Izquierdo sinalou que o
sector empresarial debe estar presente no novo modelo de medio público, e a
importancia da comercialización dos produtos audiovisuais en todas as novas canles, «máis
alá do televisor no fogar e da radio no coche».
4- O cuarto reto, sinalou, é o goberno dos medios públicos, con distintos
modelos segundo os países: “cómpre analizar polo miúdo as avantaxes
doutros modelos de elección de responsables directivos coma a elección por
parlamentos coma este, ou por comisións formadas baixo o paraugas de estruturas
públicas consolidadas, como pode ser o caso da BBC. O que si queda claro é que
acertar no modelo de goberno e control é unha garantía dun modelo de servizo
público robusto, ao igual que se fai noutros tipos de estruturas fundamentais
para un estado democrático, como a educación ou a sanidade”.
5- O quinto reto son os contidos, desde a perspectiva da xestión dos
dereitos de actividades, «que están sucumbindo a unha sorte de modelo de
negocio fundamentado na estipulación desproporcionada dun valor económico que
cada vez está máis lonxe da realidade. Aproxímase un escenario cheo de
incertezas que fan pensar nun futuro próximo nunha elitización das retransmisións
en directo, unha das principais fortalezas da televisión en aberto». Ante esta
situación, «a CRTVG debe asumir retos concretos, como participar en
coproducións de ficción internacionais e loitar pola capacidade de emisión dos
deportes de base, feminino e alternativos. Por iso, chegamos a acordos de
interese xeral con organismos públicos, pero tamén con clubs deportivos galegos
que priorizan o interese xeral aos acordos comerciais globais».
6- O sexto reto é o transporte do sinal, xa que «a década dos anos 20 do século
XXI vai nacer coa aparición dun novo xeito de transportar o sinal desde os emisores
ata os receptores. Son tempos do 5G, da Internet das Cousas e da
hiperconectividade. Nese reto debe estar a CRTVG tanto con decisións técnicas
puramente, como a implantación das emisións de HD ou de Full HD, como con
decisións estratéxicas como a creación e participación de plataformas de
distribución por todos os soportes posibles. Debemos garantir o dereito de
calquera familia, sexa do centro de Vigo ou do centro dos Ancares, para gozar
na mellor das condicións dos contidos da radio e da televisión de Galicia».
7- Por último, o sétimo reto fai referencia ao novo marco normativo, xa
que «nos moveremos nun escenario con novas regras, como é o novo marco
normativo chegado da nova directiva europea e as novas regulacións laborais,
que buscan mellorar a competitividade e a calidade do traballo, que debe ser
tamén un alicerce que a nosa Corporación debe aproveitar nesta nova fase de
crecemento».
Formación para a cidadanía dixital para 2019
Sánchez Izquierdo lembrou a responsabilidade social
corporativa (RSC) da CRTVG cos seus principios fundacionais, coa promoción e
difusión da lingua, coa participación social, a transparencia e a rendición de
contas, e tamén co reto da formación, alfabetización e educación para
cidadanía dixital, como insta a Comisión Europea.
Neste eido, anunciou que se poñerá en marcha o próximo ano
un proxecto de formación para a cidadanía dixital para explicar aos
públicos novos a significación da responsabilidade do acceso, uso e consumo da
comunicación na sociedade de Internet. Os medios públicos galegos xa se
anticiparon ás recomendacións europeas, desenvolvendo no 2018 o seu territorio
de Comunicación arredor da dixitalización de Galicia e dedicando, o pasado mes
de febreiro, a súa primeira campaña de RSC, A
Internet Segura, aos cativos e pais, para conciencialos do novo escenario
dixital.