A CRTVG exporá en Vigo a súa estratexia de innovación en produtos e canles
venres, 23 de novembro do 2018
A CRTVG participará mañá nas xornadas Galicia 4.0. Perspectivas da empresa ante a
cuarta revolución tecnolóxica que organizan en Vigo o Colexio de
Enxeñeiros Industrias de Galicia e a Asociación para o Fomento da Innovación,
Coñecemento e Emprendeduría e nas que participan as principais empresas e
entidades do eido da innovación.
O director de Innovación e Negocio da Corporación, Xosé
Pereira, intervirá cun relatorio ás 11:30 horas no que explicará a visión
da CRTVG ante o novo panorama audiovisual, e os retos de futuro da
televisión e do sector audiovisual, entre eles a necesidade de pensar en
dixital ante calquera proxecto, e de adaptarse aos novos modelos de consumo da
audiencia.
Pereira explicará a estratexia que a CRTVG vai seguir nos anos
vindeiros e a reorganización dos modelos de produción que se están a acometer
este ano. Á dixitalización dos sistemas de produción que rematará coa emisión
en HD, súmase o deseño de novos proxectos para converter os medios públicos
galegos nun centro de produción de contidos multisoporte e interactivos, nunha
contorna que pronto será plenamente dixital.