A CE destaca a relevancia do proxecto BIRDS, coordinado pola investigadora galega Susana Ladra

mércores, 5 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

Reunión de seguimento entre Investigadores do proxecto e responsables da Axencia Ejecutiva de Investigación (REA) da Comisión EuropeaA Comisión Europea vén de incluír o proxecto BIRDS, coordinado pola investigadora do Centro de Investigación TIC da UDC (o CITIC) e directora do Campus Innova da Universidade da Coruña, Susana Ladra, ao abeiro da sección Success stories da súa páxina web. Neste apartado saliéntanse e visualízanse perante o mundo os principais achados e fitos do proxecto galego e máis a relevancia do traballo que se está a levar a cabo.
Segundo informa o CITIC, o recoñecemento da Comisión Europea é unha nova distinción á iniciativa liderada pola investigadora Susana Ladra. De feito, o pasado mes de outubro recibiu de mans da presidencia austríaca do Consello da UE o premio Marie Sklowska-Curie Actions 2018 na categoría Briding (carrer) paths, que valoraba as “habilidades emprendedoras” e as ligazóns intersectoriais dos proxectos H2020.
O proxecto BIRDS, polas súas siglas Bioinformatics and Information Retrieval Data Structures Analysis and Design, está financiado pola acción Marie Sklodowska-Curie (RISE) de intercambio de persoal de investigación e innovación pertencente ao programa de financiamento de I+D da UE Horizonte 2020 (proxecto con referencia 690941).
BIRDS, segundo lembra o CITIC, xorde da necesidade de mellorar o procesamento de grandes volumes de datos existentes en diferentes eidos de aplicación, ámbitos como a bioinformática e a recuperación de información. A idea é responder con eficacia a un reto concreto na investigación: o aumento exponencial da cantidade dispoñíbel de datos coa que se conta. Neste contexto, mellorar a excelencia científica dos participantes no proxecto no deseño de estruturas de datos e algoritmos avanzados para os eidos da bioinformática e a recuperación de información, aproveitando as sinerxías destas dúas comunidades, é outro dos obxectivos principais de BIRDS, amais de “reforzar as colaboracións existentes e crear novas colaboracións entre todos os participantes, tanto entre os socios europeos como os internacionais coa finalidade de desenvolver asociacións de investigación a longo prazo”.
No proxecto, ademais da UDC, participan universidades de Finlandia, Xapón, Australia, Chile e Portugal.

PUBLICIDADE