A CBS transmitirá un torneo de videoxogos dentro da súa programación deportiva

martes, 31 de xullo do 2007 Matías Olazabal

Mañá mércores 1 de agosto será o día en que por vez primeira unha cadea de televisión masiva -como é a CBS nos Estados Unidos- substituirá a transmisión deportiva tradicional para centrarse nun torneo de videoxogos. Se ben este tipo de transmisións xa foron feitas en outras canles de menor alcance, e segundo o New York Times perante unha audiencia “modesta”, a transmisión de mañá é sen lugar a dúbidas unha forte aposta da cadea, xa que para este evento conta cos auspicios de Kentuky Freid Chicken (KFC), de Intel e até os dos propios Marines. Ademais, cómpre dicir que a CBS ten xa traballar a un grupo de expertos co obxectivo de facer a transmisión o suficientemente nidia e accesible para aqueles que non coñezan os xogos en cuestión.
A conexión consistirá nunha escolma dos mellores intres do torneo Serie Mundial Videoxogos (World Series of Video Games) que tivo lugar en Louisville, o mes pasado. O principal obxectivo será o de ofrecer de xeito atractivo as xogadas máis salientables do certame para o publico xeral, non só para aqueles que coñezan os xogos da competencia que, dito sexa de paso, serán o Guitar Hero II, o World of Warcraft, e o Fight Night Round 3.
Segundo o que explicaron os responsables de CBS Sports ao devandito xornal, a transmisión deste tipo de competicións podería converterse en algo cotiá no futuro, xa que os videoxogos teñen transcendido o eido dos mozos e das mozas, e hoxe en día os estadounidenses xa invisten máis neste tipo de lecer dixital ca no cinema, industria que sempre foi un piar do entretemento masivo no país. A cadea ten previstas outras dúas transmisións deste tipo para o que queda deste 2007.

PUBLICIDADE