A BBC prepárase para un futuro sen TDT

venres, 9 de decembro do 2022 Marcus Fernández

A Televisión Dixital Terrestre fai un importante labor de cara á cidadanía, ao permitir recibir contidos audiovisuais sen precisar de ningún tipo de servizo de subscrición, e aínda que xa experimentamos un par de dividendos dixitais nos que se lle restou espazo á TDT no espectro radioeléctrico para cederllo ás operadoras de telecomunicacións para ofrecer servizos de telefonía móbil 4G e 5G, está garantido que non haberá cambios importantes no soporte até 2030, cando está previsto que haxa importantes cambios en funcións da situación na que estea o sector audiovisual.
Neste contexto hai xa campañas para instar a conservar as frecuencias da TDT e as súas canles a longo prazo, xa que consideran que xogan un grande papel na nosa sociedade, aínda que cada vez a audiencia trasládase máis a plataformas en liña, e os contidos da TDT tamén se reciben cada vez máis a través de fibra óptica, de aí que sexa posible que nuns anos non teña moito sentido reservar un espazo tan amplo do valioso espectro para un servizo infrautilizado e que incluso sería pouco eficiente (xa que estamos ante un recurso moi reducido que presenta serias complicacións para normalizar, por exemplo, as emisións en 4K).
As dúbida sobre o futuro da TDT veñen de acrecentarse enormemente despois dun discurso do director xeral da BBC, Tim Davie, quen anuncia o reforzamento da súa aposta polo dixital, asegurando que é necesario acelerar a transformación da centenaria BBC para xogar un rol decisivo na era dixital, asegurando que están a traballar nunha BBC que se distribúa unicamente a través da Internet, o que abrirá novas oportunidades e mellorará as capacidades de elección do público. Incide no feito de que para que a transformación sexa posible é necesario mellorar a conectividade da poboación, pois o acceso á Rede aínda non é universal. Pero a postura da BBC non é teimar na TDT mentres a banda larga non chega a todos os fogares, senón axudar a potenciar o espallamento da conectividade.
A BBC esforzarase para que non quede ninguén atrás nas súa transformación, e tamén enfocarase en manter a súa posición de referente informativo, á vez que continuará a buscar a conexión coa audiencia de todo o Reino Unido. O que deixan claro é que nos vindeiros anos irá perdendo peso a súa programación lineal, e irán potenciando a oferta a través da Rede.
Nos vindeiros meses irán dando máis detalles sobre a transformación da BBC, que até a tempada 2027-28 ten garantido o seu financiamento a través da taxa que pagan os británicos por recibir o sinal televisivo, pero que isto non é viable de cara á vindeira década, o que obrigará a grandes cambios para que a BBC poida manter a súa relevancia, e así poder sobrevivir nun mercado dixital cada vez máis competitivo e globalizado.
Dado que a BBC é o exemplo a seguir polas televisións públicas europeas, non sería de estrañar que durante 2023 a meirande parte das canles públicas anuncien medidas semellantes, para ir tomando posicións ante futuro sen TDT que podería chegar antes do que moitos prevían.

PUBLICIDADE