A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) estrea páxina web

luns, 11 de xaneiro do 2016 Redacción

A Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), organismo de recente creación, dependente da Consellería de Sanidade, vén de poñer en funcionamento a súa páxina web, dando visibilidade a esta entidade pública galega que pretende achegar unha nova visión para afrontar os retos do coñecemento para o coidado da saúde. Deste xeito, a experiencia, a formación, a investigación, a innovación e as novas tecnoloxías garanten a mellora continuada da práctica sanitaria e é necesaria unha xestión integrada de todas elas para acadar a máxima obtención de valor cara ao paciente.
Nesta nova páxina web pódese ver un vídeo de preto de 3 minutos de duración explicativo das funcións da ACIS. Nel destácase que este organismo nace para tecer e alimentar a rede na que todas e todos os profesionais do Sistema Público de Saúde de Galicia se forman, investigan, innovan, comparten experiencias e interactúan coa súa contorna. Neste contexto, ACIS traballa para que o coñecemento flúa de xeito eficiente, nun modelo de innovación aberto e cunha clara visión internacional.

PUBLICIDADE