A Aula AMTIC do Milladoiro organiza catro cursos para a rapazada durante este mes de xullo
mércores, 2 de xullo do 2025
A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación (Aula AMTIC) do Concello de Ames, localizada no Milladoiro, organiza para este mes de xullo novos cursos. Desta volta, desenvolveranse catro formacións dirixidas para menores, cunha ampla variedade de contidos (debuxo, xogos, programación, etc.) “para que os máis pequenos da casa non deixen de aprender durante o período estival pero dun xeito divertido e entretido para eles a través da tecnoloxía”, informou o Concello.
Haberá dúas formacións dirixidas para a rapazada de 5 a 7 anos e ambas desenvolveranse en horario de 10.00 a 12.00 horas. A primeira delas será do 7 ao 11 de xullo e será un curso de debuxo dixital, no que os nenos e nenas poderán adquirir as ferramentas máis básicas do debuxo dixital a través do uso de xogos, actividades creativas e exercicios guiados que axudarán a desenvolver a súa imaxinación, coordinación motriz e expresión artística.
Do 14 ao 18 de xullo, celebrarase a segunda formación para os nenos de entre 5 e 7 anos. Constará dun curso de xogos interactivos e educativos no que os máis pequenos poderán aprender diferentes habilidades como as matemáticas, lóxica, lectura, memoria ou a creatividade a través do uso de xogos dixitais. Deste xeito, foméntase o traballo en equipo entre os menores e o uso positivo da tecnoloxía.
Por outra banda, as dúas formacións restantes estarán dirixidas para os menores de entre 8 e 10 anos, tamén en horario de 10.00 a 12.00 horas. A primeira será do 21 ao 24 de xullo: Programación creativa: Scratch e Tynker. Desta volta, os rapaces e rapazas poderán adquirir os conceptos básicos de programación dun xeito divertido e entretido empregando plataformas adaptadas a eles como Scratch Junior ou Tynker, fomentando así a súa creatividade, a resolución de problemas e o pensamento lóxico.
Así mesmo, do 28 ao 31 de xullo, terá lugar na Aula AMTIC a derradeira formación ofertada para menores pola Aula AMTIC neste mes estival, Creación de contido audiovisual. Neste curso, os nenos e nenas poderán introducirse no mundo do vídeo e audio, aprendendo a contar historias a través do uso de imaxes, sons e gravacións sinxelas, dunha forma lúdica empregando aplicacións básicas do audiovisual. Deste xeito, poderán desenvolver habilidades como a creatividade e expresión, a comunicación e compartir as súas ideas a través de formatos dixitais.
A inscrición en calquera destes cursos pode realizarse chamando ao número de teléfono 674 59 48 43 (de luns a venres de 09.30 a 14.00), enviando ao enderezo informatica.milladoiro@gmail.com a solicitude de inscrición cuberta e asinada ou presencialmente na aula AMTIC do Milladoiro en horario de aula aberta (De luns a venres de 09.00 a 13.00 horas). Pódese descargar a ficha de inscrición para as actividades da Aula AMTIC.
