A Ataribox chegará en dúas versións

luns, 17 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Nas últimas semanas está a facer ruído na Rede o anuncio de que Atari estaría a preparar o seu retorno na forma de consola de videoxogos, no que parece un claro intento de aproveitar o pulo que están a ter as consolas mini de Nintendo, e o futuro produto xa tería nome e páxina web: a Ataribox.
O curioso deste proxecto é que aínda non se sabía ben o que sería este novo produto, e agora desvelan nun correo electrónico aos seareiros a aparencia que terá a consola (recuperando o deseño das consolas clásicas da compañía) e dan conta de que chegará en dúas versións: unha con acabados de madeira e outra en negro e vermello.
Como estamos ante unha máquina moderna a consola contará con saída HDMI, 4 portos USB e lector de tarxetas SD, e o fabricante promete que ofrecerá os seus videoxogos clásicos para a nova consola, pero tamén títulos de nova creación, de aí que sexa moi difícil saber as intencións reais que teñen con este dispositivo.
Nin prezo, nin data de lanzamento, nin xogos dispoñibles... a Ataribox continúa a ser un misterio que parece querer crear expectación para poder xerar vendas impulsivas como acontece coas últimas consolas retro de Nintendo.

ACTUALIZACIÓN: Dende Eurogamer dan conta dunha nota dirixida aos investidores de Atari a finais do mes pasado na que indicaban que a Ataribox buscaría financiamento a través do micromecenado para «limitar o risco», o que non é precisamente un bo sinal, xa que indicaría a falta, tanto de confianza no produto como de capacidade para unha boa realización do mesmo.

PUBLICIDADE