A Amigus Party acolle estes días relatorios de software libre e torneos de xogos

venres, 22 de agosto do 2008 Fernando Sarasketa

Segue adiante, hoxe venres, a xuntanza de internautas que está a ocupar o Lar de Endesa nas Pontes, a Amigus Party Verán 2008, que comezou como case sempre comezan as cousas en liña que rematan ben, con certos problemas na rede, e agora enfía xa o seu treito medio, con actividades ligadas aos xogos e ao software libre, entre outros temas. Este encontro para a mocidade redeira galega, organizado pola Asociación Amigus en colaboración co Concello das Pontes, Endesa, Mancomun, o CESGA e Innovación (Xunta), centrarase hoxe nos aspectos menos lixeiros da informática: na programación e no intercambio de coñecemento e experiencia, tal e como se sinala na propia páxina web de Amigus (onde se vai dando conta dos aconteceres da party a medida que se desenvolven) e en Mancomun.org. Máis polo miúdo, o programa de hoxe xirará arredor dunha sesión de relatorios dedicados ao software libre.
Deste xeito, entre as 16.00 e as 20.00 horas desenvolverase unha presentación de informática aberta a cargo de José Manuel Campello, un relatorio sobre Solucións libres de xestións para pemes achegado por Carlos Roca e, como fin da xornada formativa, un percorrido polos servizos de rede de GNU/Linux con potencialidade para seren usados a fondo por unha compañía calquera e da envergadura que sexa. Segundo se engade nas devanditas páxinas webs, os asistentes a esta última sesión terán a posibilidade de intervir nunha mesa redonda final dando a coñecer os seus puntos de vista sobre a situación actual da programación aberta e as súas posibilidades de medre en Galiza.
De xeito complementario a estas actividades, está previsto no programa da Amigus Party Verán que se celebren todo tipo de campionatos ligados ao eido dos videoxogos. Así, amais das sesións arredor de Nexuiz (un xogo en primeira persoa de acción creado por Alientrap, aberto e libre, axeitado para empregar en grupos) coas que se queceron motorres na primeira xornada do encontro (logo dunha “boa cea”), figuran no programa torneos de Tenis (Wii Sports), Bols (Wii Sports) ou Mario Kart (Wiik), a parte das demostracións coas consolas de última xeración: Xbox 360, PS3 e Nintendo Wii.

PUBLICIDADE