A 25 edición da maratón fotográfica Concello de Vigo será virtual

martes, 29 de setembro do 2020 Sonia Pena

O Concello de Vigo e a Agrupación Fotográfica Galega van conmemorar a 25 edición da maratón fotográfica viguesa de xeito virtual e nas redes sociais. Así o confirmou o alcalde Abel Caballero, acompañado de Jesús Nieto, do dito colectivo fotográfico, e do concelleiro de Cultura, Abel Losada. Segundo fixeron saber, o certame desenvolverase os días 10 e 11 de outubro. Será unha edición marcada pola COVID (de aí a súa plena adaptación ao eido online) pero con vontade de seguir deixando o listón, tanto en participación como en talento convocado, ben alto.
Jesús Nieto, secretario da Agrupación Fotográfica Galega, salientou as posibilidades que brindan as novas tecnoloxías para manter a continuidade dun evento que se vén celebrando dende hai 25 anos, e que este ano, grazas ás novas ferramentas, “vén co engadido de que calquera pode participar estea no lugar xeográfico no que estea”.
Abel Caballero explicou que a Maratón fotográfica Concello de Vigo vaise desenvolver o 10 e 11 de outubro, ao longo de 36 horas (antes eran 24), con saída virtual dos participantes o sábado 10 ás 10 da mañá e logo de coñecer os catro temas por correo electrónico e redes sociais. Os temas serán secretos ata a saída, dixo, e as imaxes deben ser enviadas por correo electrónico antes das 22 horas do domingo 11. Cada participantes achegará 4 fotografías, unha por tema, optando a tres premios e tres accésits. A inscrición pode facerse a través da web da Agrupación Fotográfica Galega.
As obras recibidas conformarán unha exposición virtual nunha plataforma específica creada pola Agrupación e o MARCO acollerá unha exposición física coas mellores imaxes. Na inauguración coñeceranse os gañadores e entregaranse os premios.

PUBLICIDADE