901 xogos de recreativa dispoñibles de balde dende o noso navegador web

luns, 3 de novembro do 2014 Marcus Fernández

O Internet Archive consegue achegar xogos de recreativa aos nosos ordenadores a través dun emulador web

Hai un ano demos conta de que o Internet Archive, ese proxecto de biblioteca dixital que preserva vellos produtos audiovisuais e incluso software, estreaba o Historial Software Archive, unha colección na que figuraban numerosos videoxogos clásicos para ordenadores persoais, que permiten así que gocemos directamente dende o noso navegador web de aplicacións informáticas que actualmente terían moitas eivas para a súa execución, por estar desenvolvidas para máquinas obsoletas e distribuírse inicialmente en soportes (cartuchos, casetes, disquetes...) aos que actualmente non poderiamos acceder dende os nosos equipos informáticos, e agora estar a espallar esta iniciativa máis alá do ámbito doméstico, levándoo aos salóns recreativos que marcaron a infancia de moitos, estreando The Internet Arcade.
Esta nova sección do Internet Archive inclúe 901 videoxogos dos anos 70, 80 e 90 que corren a través do emulador JSMAME (que reproduce copias dos xogos clásicos en navegadores web), baseado no software de emulación MESS, e que non só permite controlar os xogos mediante o teclado, senón que incluso é compatible con mandos, o que fai aínda máis cómodo poder rememorar videoxogos clásicos na comodidade do fogar e totalmente de balde.

Kung-Fu Master, o xogo inspirado na derradeira película de Bruce Lee, está dispoñible no Internet Arcade

O catálogo co que conta The Internet Arcade é moi completo, contando con clásicos como racha-ladrillos Arkanoid, o curioso Bomb Jack, o moi lembrado Commando, o icónico Ghouls ‘N Ghost, o xogo de carreiras Out Run, o pioneiro xogo de loita Yie Ar Kung-Fu, o mata-marcianos Moon Cresta, imprescindibles como Pac-Man Plus, o Space Harrier de SEGA, o case mítico Golden Axe, o xogo de desprazamento lateral Altered Beast, o curioso Pinball Action e incluso títulos máis modernos como o Street Fighter 2 de 1992, facendo que sexa moi doado lembrar os tempos nos que había que desprazase até unha sala de xogos para poder introducir unha moeda e así poder botar unha partida a un deses xogos que sentaron as bases do que é hoxe o principal mercado de lecer a nivel mundial.

Street Fighter II pode agora xogarse directamente dende a web

PUBLICIDADE