300 estudantes celebraron en Lugo o Día da Ciencia en galego

venres, 8 de novembro do 2019 Redacción

Hoxe celebrouse en Lugo, da man de Igaciencia (Institución Galega da Ciencia) e co apoio da Consellería de Cultura, o Día da Ciencia en Galego, na compaña de (entre outros persoeiros da investigación e das administracións) Luís Liz Marzán, químico lucense, e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística. Na cita, que se desenvolveu no Edificio da Xunta, participaron tamén 300 estudantes de cuarto da ESO e Bacharelato, informándose das posibilidades que abre a disciplina da nanotecnoloxía, que foron debulladas polo químico Luís Liz Marzán.
Valentín García agradeceulle ao conferenciante que fixese un oco na súa apretada axenda de traballo para fomentar as vocacións científicas en galego entre o alumnado de Lugo. Despois, dirixíndose ás rapazas e rapaces convidounos a defender a lingua propia como alicerce comunicativo de calquera proxecto ou traballo que queiran desenvolver: “Por haber en Galicia un sistema educativo bilingüe, recibides clases de materias científicas en galego, castelán e ás veces tamén en inglés, pero debedes saber que, sexa cal for a lingua en que se vos imparta unha área, sempre é posible usar calquera outra para investigar e divulgar os seus contidos e o galego non é unha excepción”. Por este motivo, o secretario xeral animou os estudantes a usar o idioma propio de Galicia “para ler, para pescudar e para experimentar”, ademais de para relacionarse cos seus iguais no tempo de ocio.
Alumnado de todo Lugo
Un total de 300 alumnas e alumnos de 4º da ESO e de bacharelato dos IES lucenses Ánxel Fole, Xoán Montes, Leiras Pulpeiro e Nosa Señora dos Ollos Grandes, dos CPI Plurilingüe de Castroverde e Ramón Piñeiro de Láncara e do Colexio Fingoi abarrotaron o salón de actos do Edificio Administrativo da Xunta na Cidade das Murallas para escoitar a conferencia de Luís Liz Marzán A nanotecnoloxía no Ano Internacional da Táboa periódica.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística apoiou a celebración desta conferencia organizada por Igaciencia para celebrar o Día da Ciencia en Galego, entre outras actividades coas que, ao longo do mes de novembro, busca promover a divulgación científica, nomeadamente da man das bibliotecas públicas e dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos.

PUBLICIDADE