2Mares acode esta semana a OMExpo (Madrid) para presentar a súa tecnoloxía de posicionamento corporativo
martes, 23 de abril do 2013
As nosas empresas TIC
continúan o seu proceso de espallamento natural en novos mercados:
novos escenarios nos que deixar claro que mesmo os supostos
escenarios periféricos como o galego poden converterse en eixes
centrais de actividade. Algunhas destas empresas, como 2Mares,
compaxinan o traballo na Rede coa busca de lugares reais onde máis
posibilidade haxa de atopar audiencias para os seus servizos. Sen ir
máis lonxe, 2Mares
será unha das representantes galegas no salón OMExpo
de Madrid, que se celebra entre mañá e pasado mañá (24 e 25
de abril) no recinto Feira de Madrid. Trátase, máis polo miúdo,
cun congreso estatal centrado na publicidade dixital e máis no
comercio electrónico, dous dos ámbitos nos que é especialmente
forte o servizo Intellixente de 2Mares, unha solución tecnolóxica
para o posicionamento de marcas e atención ao cliente en redes
sociais.
Lembrar que OMExpo Madrid
celébrase de xeito simultáneo con outro evento relacionado, EXPO
E-commerce España, constituíndo entre as dúas citas “o maior
salón en España dedicado á Mercadotecnia e Negocios Dixitais, así
como ao Comercio Electrónico”, informa 2Mares. E engade,
facendo referencia ao potencial do evento duplo como escaparate:
“OMExpo é o evento anual de
referencia onde se dan cita as maiores empresas e tendas en liña cos
principais provedores de e-commerce da súa categoría: tecnoloxía
e-commerce, guías de compra, loxística, mercadotecnia online,
relación cliente, transaccións financeiras, aspectos legais e
servizos engadidos”.
O servizo
Intellixente é, tal e como sinalamos no seu día, un recurso tecnolóxico
para escoitar, de verdade e sen filtros nin intermediarios, a voz do
noso cliente. A ferramenta ten un combustible de seu: os milleiros
de opinións persoais que se verten nestes servizos de participación,
en calquera das súas moitas feituras e marcas, das que Intellixente
se nutre para avaliar a posición que ten unha empresa entre a
sociedade, neste caso a sociedade 2.0, reflexo en boa medida fiel da
anterior, aínda que con engadidos. A firma 2Mares destacou con
motivo da súa presentación oficial que con este proxecto o que se
desexaba era achegar algo verdadeiramente útil para facer doado e
accesible o que en moitas ocasións se presenta como caro e
complexo: escoitar ao cliente. “Intellixente”, informou
no seu día a entidade con sede en Vigo, “é unha solución
segura e fiable que en cinco pasos facilita entender ao cliente e
usar a súa voz como material de aprendizaxe organizativo para a
mellora de procesos; permitindo mellorar de xeito práctico e eficaz
a súa escoita activa”.
