1,1 millóns de espectadores simultáneos seguiron un torneo de youtubers

luns, 26 de marzo do 2018 Marcus Fernández

A retransmisión chegou a 1,1 millóns de espectadores simultáneos

O xogo en liña Fortnite Battle Royale converteuse en todo un fenómeno, e hai pouco máis dunha semana o xogador profesional Tyler Ninja Blevins, apoiado polo artista Drake, conseguiu establecer unha marca mundial impresionante ao xuntar a 628.000 espectadores simultáneos na súa retransmisión en directo dunha partida a través da Internet, record que pouco durou, xa que El Rubius case dobrou o número de espectadores ao convidar a preto dun cento de youtubers para participar nun torneo cun pico de audiencia de 1,1 millóns de espectadores, aínda que, dado que moitos dos participantes tamén realizaban as súas respectivas retransmisións, a audiencia total podería ser duns 10 millóns de espectadores.

Un cento de youtubers déronse cita no torneo organizado por El Rubius

Durante a xornada de onte o cancelo #YTBattleRoyal chegou a ser tendencia mundial en Twitter, o que era bastante previsible, xa que o torneo contaba coa participación de numerosas celebridades na Rede, como Mangel, Wismichu, Loulogio, Zorman, Chincheto e Luzu, que en boa parte dos casos teñen millóns de seareiros a ambos lados do Atlántico, facendo que este evento resoase con forza en toda a Internet de fala hispana.
Aínda que a marca establecida onte sexa moi importante, cómpre matizar que realmente non competiría directamente coa de Ninja, xa que os directos desenvolvéronse en plataformas diferentes (Ninja en Twitch e El Rubius en YouTube). Pero iso non quita mérito ao acontecido onte, senón todo o contrario, xa que de media o número de espectadores de Twitch é o dobre que o de YouTube (en retransmisións de xogos en directo).

Vídeo coa retransmisión de onte

ACTUALIZACIÓN: Ao parecer o número de espectadores total do torneo organizado por El Rubius podería ter superado os 42 millóns.

PUBLICIDADE